Denuncias

 

A Dirección Xeral de Ordenación do Xogo (DXOJ) ten a función de velar polo cumprimento da lexislación estatal en materia de xogo e controlar a súa aplicación, e para iso dispón das potestades de inspeccionar e sancionar as infraccións que constate. Se dispós de probas ou indicios que poidan acreditar que un feito pode supoñer o incumprimento da Lei 13/2011, do 27 de maio, de regulación do xogo, tes a posibilidade de presentar unha denuncia poñendo en coñecemento desta Dirección Xeral a existencia deses feitos.

 

Que é unha denuncia? Volve ao inicio da páxina

Unha denuncia é unha comunicación que un xogador dirixe á DXOJ para informar acerca duns feitos que poden constituír unha infracción administrativa por presunto incumprimento da Lei 13/2011, do 27 de maio, de regulación do xogo, sen que se pretenda obter unha solución, compensación ou resarcimento de danos en particular.

En particular, o desenvolvemento e comercialización de xogo online en España a través dun dominio.com, ou ben por unha empresa que non obtivera a correspondente licenza en España, son condutas consideradas como “xogo ilegal”, de acordo co que establece a Lei 13/2011, do 27 de maio, de regulación do xogo e, polo tanto, son feitos denunciables.

A Administración pode iniciar, a partir desta comunicación, unha fase de investigación e comprobación dos feitos denunciados que podería supoñer a apertura dun procedemento sancionador.

O obxectivo das investigacións, neste caso, é fundamentalmente protexer e defender os intereses xerais e os dereitos de todos os xogadores, non os dun cidadán ou conxunto de cidadáns concretos, para evitar que se volvan producir esas condutas irregulares. A investigación dunha denuncia non ten por obxecto restablecer os intereses ou dereitos do denunciante que puidesen verse afectados por unha suposta infracción administrativa, mesmo aínda que os feitos denunciados resulten finalmente sancionados.

 

Quen pode presentar unha denuncia? Volve ao inicio da páxina

Calquera persoa pode presentar unha denuncia en materia de xogo, aínda que os feitos e condutas en cuestión non a afecten directamente.

O obxecto fundamental dunha denuncia é poñer en coñecemento da autoridade competente uns feitos que se consideran lesivos para os intereses dos xogadores, para evitar que se sigan producindo e afecten outras persoas.

O denunciante non é parte interesada no procedemento sancionador no que podería derivar a fase de investigación e comprobación dos feitos denunciados. Polo tanto, non pode comparecer neste nin pode acceder ao expediente, nin ás actuacións previas que poidan realizarse.

 

Como denunciar? Volve ao inicio da páxina

Para interpoñer unha denuncia hai que presentar un escrito no que debe constar:

  1. Identificación da persoa denunciante: nome e apelidos, documento nacional de identidade ou documento identificativo equivalente, teléfono de contacto, correo electrónico, etc.
  2. Datos persoais do representante se o houber. Neste caso, a persoa que presenta a denuncia e, polo tanto, que a asina, deberá ser a mesma que a que aparece no apartado de “Representante”.
  3. Enderezo para os efectos de notificación. En aplicación do artigo 41 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións públicas, as notificacións relacionadas con este procedemento practicaranse por medios electrónicos. En caso de que desexe recibir as notificacións por correo ordinario, deberá indicar os datos do enderezo postal no que desexa que se practique a notificación.
  4. Acreditación de Representación en caso de actuar o solicitante en calidade de representante do interesado ou reclamante.
  5. Lugar e data.
  6. Sinatura do solicitante ou acreditación da autenticidade da súa vontade expresada por calquera medio.
  7. Feitos, razóns e petición nos que se basea, con toda claridade, a solicitude de denuncia.
  8. Órgano, centro ou unidade administrativa á que se dirixe (a DGOJ).
  9. Identificación dos presuntos responsables.
  10. Todos aqueles documentos ou calquera outro tipo de proba ou indicio que permita coñecer os feitos obxecto da denuncia.

Vías de presentación da denuncia:

a) En caso de ser o solicitante persoa física que actúe en condición de interesado:
 
1. En formato electrónico, a través da sede electrónica da DGOJ, no formulario Denuncias e reclamacións en materia de xogo. Neste caso, necesitará dispoñer dun DNI electrónico ou calquera certificado electrónico emitido por unha autoridade de certificación acreditada para poder rexistrar a reclamación de forma online (na ligazón Rexistro de solicitudes, pode consultar toda a información referente ao rexistro electrónico de solicitudes e como obter un certificado dixital).
 
2. En papel, mediante un escrito asinado, para presentar nun rexistro administrativo presencial ou nunha oficina de Correos, e dirixido á DGOJ (rúa Atocha n.º 3. 28012 Madrid), para o cal poderá presentar un escrito de formato libre, ou tamén poderá imprimir o formulario Denuncias e reclamacións en materia de xogo e presentalo unha vez cuberto e asinado.
 
b) En caso de ser o solicitante unha persoa física, en exercicio da súa actividade profesional, actuando en representación do interesado:
 
En aplicación do artigo 14.2 letra c) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións públicas, a solicitude deberá presentarse en formato electrónico, a través da sede electrónica da DGOJ, no formulario Denuncias e reclamacións en materia de xogo. Neste caso, necesitará dispoñer dun DNI electrónico ou calquera certificado electrónico emitido por unha autoridade de certificación acreditada para poder rexistrar a reclamación de forma online (na ligazón Rexistro de solicitudes, pode consultar toda a información referente ao rexistro electrónico de solicitudes e como obter un certificado dixital). En cumprimento do artigo 68.4 da citada lei, a presentación da presente solicitude presencialmente implicará un requirimento de emenda no prazo de dez días, entendéndose como data de presentación da solicitude aquela na que fose emendada mediante presentación electrónica.

Para obter máis información pode consultar as FAQ (preguntas frecuentes) do apartado correspondente deste web e, en caso de que se suscite algunha dúbida, poderá formulala a través do apartado de “Consultas e Suxestións en materia de Xogo” da sede electrónica da DXOJ.

 

Tramitación da denuncia pola Administración Volve ao inicio da páxina

Unha vez recibida e rexistrada a denuncia pola Dirección Xeral de Ordenación do Xogo, a tramitación pode seguir do seguinte xeito:

  • Os servizos de inspección e control realizarán as investigacións e actuacións previas que procedan, e iniciarán, se é o caso, o correspondente expediente sancionador.
  • Se a Dirección Xeral de Ordenación do Xogo non fora competente para coñecer os feitos supostamente constitutivos de infracción, dará traslado destes ao organismo que se considerara competente.
  • Cando os feitos ou condutas denunciadas non poden ser probadas e/ou cualificadas como infracción, procederase ao arquivo da denuncia.
  • Tanto a apertura do correspondente expediente sancionador como, se é o caso, o arquivo da denuncia serán notificados ao denunciante.