Denuncias e reclamacións

Denuncias e reclamacións

Reclamacións

A Dirección Xeral de Ordenación do Xogo (DXOJ) atende as reclamacións que presenten os participantes contra os operadores de xogo de ámbito estatal.

Con carácter previo, o usuario rexistrado nalgún dos operadores de xogo online habilitados en España ten dereito a dirixirse ao servizo de atención ao cliente do operador, a través dunha queixa ou reclamación, para obter explicacións sobre as decisións do operador e a súa xustificación (a medida adoptada, o seu alcance, motivos e a cláusula contractual na que se basea o operador para adoptala, etc.), ademais de solicitar o que estime oportuno. Se non estivese de acordo coa resposta recibida ou non recibe contestación no prazo dun mes, ten a posibilidade de presentar unha reclamación contra o operador ante a DXOJ.

Que é unha reclamación? Volve ao inicio da páxina

É unha comunicación que o xogador dirixe á DXOJ, pola existencia dun conflito ou desacordo cun operador de xogo habilitado do que é usuario, na que pon de manifesto os feitos que o orixinan e na que solicita unha solución.

Quen e por que pode presentar unha reclamación? Volve ao inicio da páxina

Calquera persoa, participante en xogos online e/ou lotarías de ámbito estatal pode presentar unha reclamación ante a DXOJ por accións e omisións dos operadores de xogo habilitados de ámbito estatal que afecten os seus intereses.

Cales son os “operadores de xogo habilitados” de ámbito estatal? Aquelas persoas ou entidades que obtiveran unha licenza ou autorización da DXOJ para desenvolver actividades de xogo e aquelas outras designadas por lei para o desenvolvemento de actividades de lotaría, cuxo desenvolvemento e comercialización sexa de ámbito estatal.

Recorde que pode verificar os operadores de xogo online habilitados a través da páxina web da DXOJ, así como comprobar que o operador de xogo online utilizado conta coa identificación de "Xogo Seguro", marca creada pola DXOJ para ser utilizada unicamente polos operadores de xogo que teñan licenza estatal outorgada pola DXOJ para desenvolver actividades de xogo, e que supón unha garantía de que o xogo está regulado, supervisado e controlado por esta Dirección Xeral, e que asegura que o xogo é xusto, que os operadores legais son fiables e que se cumpren todos os requisitos de solvencia, seriedade e control que impón a lexislación de xogo do Estado, neste caso a Lei 13/2011, de 27 de maio e o seu desenvolvemento regulamentario.

Non son obxecto de reclamación ante a DXOJ os seguintes supostos:

  • Conflitos sobre materias de carácter estritamente contractual.- A relación que vincula ao participante e ao operador habilitado a través do contrato de xogo é unha relación de carácter privado e, polo tanto, as disputas ou controversias que puidesen xurdir entre eles estarán suxeitas aos xulgados e tribunais da orde xurisdicional civil.
  • • O “xogo ilegal”.- É aquel que se desenvolve incumprindo a lei, ben porque se desenvolve por empresas comercializadoras a través dun dominio “.com”, ou ben por unha empresa que non obtivera a correspondente licenza ou autorización en España (esta actividade está prohibida, considérase xogo ilegal e, polo tanto, pode ser obxecto de denuncia).
  • O “xogo presencial”.- Aqueles conflitos que se produzan no ámbito do xogo presencial (que se realiza en establecementos ou salas físicas, como casinos, bingos, salas de apostas, etc.), xa que o seu control e supervisión corresponde ás comunidades autónomas.
  • Xogos de lotaría desenvolvidos pola ONCE, posto que o control da actividade de xogo da ONCE suxeita a reserva será exercido polo Consello do Protectorado

Como reclamar? Volve ao inicio da páxina

Para interpoñer unha reclamación, hai que presentar un escrito no que debe constar o seguinte:

  1. Identificación da persoa que reclama: nome e apelidos, documento nacional de identidade ou documento identificativo equivalente,  identificación do medio preferente ou do lugar que se sinale para os efectos de notificacións.
  2. Identificación do medio electrónico ou, no seu defecto, lugar físico no que desexa que se practique a notificación.
  3. Feitos, razóns e petición, onde se concrete, con toda claridade, a solicitude de reclamación.
  4. Lugar e data
  5. Sinatura do solicitante ou acreditación da autenticidade da súa vontade expresada por calquera medio
  6. Órgano, centro ou unidade administrativa á que se dirixe (a DXOJ)
  7. Identificación dos presuntos responsables (o operador de xogo habilitado)
  8. Todos aqueles documentos ou calquera outro tipo de proba ou indicio que permita coñecer os feitos obxecto da reclamación (por exemplo, información que recibira do operador, capturas ou pantallazos do seu historial de xogo, mensaxes de correo electrónico, etc.).
  9. Achegar o comprobante de ter reclamado previamente o operador a través do seu sistema de atención e resolución de queixas e reclamacións e da resposta recibida, se é o caso, por parte do operador.

A presentación da reclamación pode facerse a través de dúas vías:

  1. En formato electrónico, a través da sede electrónica da DXOJ, no formulario Reclamacións en materia de xogo. Neste caso, necesitará dispoñer dun DNI electrónico ou calquera certificado electrónico emitido por unha autoridade de certificación acreditada para poder rexistrar a reclamación de forma online (na ligazón https://sede.ordenacionjuego.gob.es/es/registro-solicitudes pode consultar toda a información referente ao rexistro electrónico de solicitudes e como obter un certificado dixital).
  2. En papel, mediante escrito asinado para presentar nun rexistro administrativo presencial, ou nunha oficina de Correos, e dirixido á DXOJ (rúa Atocha n.º 3. 28012 Madrid), para o cal poderá presentar un escrito de formato libre ou tamén poderá imprimir o formulario Reclamacións en materia de xogo e presentalo unha vez cuberto e asinado.

Tramitación da reclamación pola Administración Volve ao inicio da páxina

Unha vez recibida e rexistrada a reclamación pola Dirección Xeral de Ordenación do Xogo, a tramitación pode seguir do seguinte xeito:

  • A DXOJ, no ámbito das súas competencias, resolverá a reclamación presentada polo xogador no prazo de dous meses e dará traslado desta ao operador para os efectos de que este realice as actuacións e melloras que correspondan, incluídas as referentes ao funcionamento do sistema de atención ao cliente e resolución de queixas do operador de xogo.
  • Se dos feitos expostos no escrito de reclamación se deducen indicios de infracción en materia de xogo, a DXOJ recualificará a reclamación do interesado como denuncia e trasladará o expediente aos servizos de inspección e control para que realicen as investigacións que procedan e inicien, se é o caso, o correspondente expediente sancionador.
  • Cando os feitos ou condutas se refiran a incumprimentos de cláusulas do contrato, ou se pretenda unha reclamación  ou compensación por danos e prexuízos derivadas do anterior, ou unha declaración de nulidade de cláusulas abusivas, a DXOJ carece de competencias para a súa resolución. Neste caso, as posibilidades ás que pode acudir o xogador son as seguintes:
    • Acudir aos xulgados e tribunais da xurisdición civil. De acordo co disposto na Lei de axuizamento civil e concordantes, existen diversas vías para a reclamación xudicial de débedas e, en determinados casos nos que a contía reclamada non supere determinado importe, a devandita reclamación xudicial pode efectuarse directamente polo particular afectado, sen necesidade de ir acompañado de avogado nin procurador (por exemplo, o proceso monitorio ou xuízos verbais ata unha contía determinada).
    • Iniciar os eventuais procedementos voluntarios de resolución extraxudicial de controversias aos que se puidesen adherir os operadores.

Denuncias

 

A Dirección Xeral de Ordenación do Xogo (DXOJ) ten a función de velar polo cumprimento da lexislación estatal en materia de xogo e controlar a súa aplicación, e para iso dispón das potestades de inspeccionar e sancionar as infraccións que constate. Se dispós de probas ou indicios que poidan acreditar que un feito pode supoñer o incumprimento da Lei 13/2011, do 27 de maio, de regulación do xogo, tes a posibilidade de presentar unha denuncia poñendo en coñecemento desta Dirección Xeral a existencia deses feitos.

 

Que é unha denuncia? Volve ao inicio da páxina

Unha denuncia é unha comunicación que un xogador dirixe á DXOJ para informar acerca duns feitos que poden constituír unha infracción administrativa por presunto incumprimento da Lei 13/2011, do 27 de maio, de regulación do xogo, sen que se pretenda obter unha solución, compensación ou resarcimento de danos en particular.

En particular, o desenvolvemento e comercialización de xogo online en España a través dun dominio.com, ou ben por unha empresa que non obtivera a correspondente licenza en España, son condutas consideradas como “xogo ilegal”, de acordo co que establece a Lei 13/2011, do 27 de maio, de regulación do xogo e, polo tanto, son feitos denunciables.

A Administración pode iniciar, a partir desta comunicación, unha fase de investigación e comprobación dos feitos denunciados que podería supoñer a apertura dun procedemento sancionador.

O obxectivo das investigacións, neste caso, é fundamentalmente protexer e defender os intereses xerais e os dereitos de todos os xogadores, non os dun cidadán ou conxunto de cidadáns concretos, para evitar que se volvan producir esas condutas irregulares. A investigación dunha denuncia non ten por obxecto restablecer os intereses ou dereitos do denunciante que puidesen verse afectados por unha suposta infracción administrativa, mesmo aínda que os feitos denunciados resulten finalmente sancionados.

 

Quen pode presentar unha denuncia? Volve ao inicio da páxina

Calquera persoa pode presentar unha denuncia en materia de xogo, aínda que os feitos e condutas en cuestión non a afecten directamente.

O obxecto fundamental dunha denuncia é poñer en coñecemento da autoridade competente uns feitos que se consideran lesivos para os intereses dos xogadores, para evitar que se sigan producindo e afecten outras persoas.

O denunciante non é parte interesada no procedemento sancionador no que podería derivar a fase de investigación e comprobación dos feitos denunciados. Polo tanto, non pode comparecer neste nin pode acceder ao expediente, nin ás actuacións previas que poidan realizarse.

 

Como denunciar? Volve ao inicio da páxina

Para interpoñer unha denuncia hai que presentar un escrito no que debe constar:

  1. Identificación da persoa denunciante: nome e apelidos, documento nacional de identidade ou documento identificativo equivalente, teléfono de contacto, correo electrónico, etc.
  2. Datos persoais do representante se o houber. Neste caso, a persoa que presenta a denuncia e, polo tanto, que a asina, deberá ser a mesma que a que aparece no apartado de “Representante”.
  3. Enderezo para os efectos de notificación. En aplicación do artigo 41 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións públicas, as notificacións relacionadas con este procedemento practicaranse por medios electrónicos. En caso de que desexe recibir as notificacións por correo ordinario, deberá indicar os datos do enderezo postal no que desexa que se practique a notificación.
  4. Acreditación de Representación en caso de actuar o solicitante en calidade de representante do interesado ou reclamante.
  5. Lugar e data.
  6. Sinatura do solicitante ou acreditación da autenticidade da súa vontade expresada por calquera medio.
  7. Feitos, razóns e petición nos que se basea, con toda claridade, a solicitude de denuncia.
  8. Órgano, centro ou unidade administrativa á que se dirixe (a DGOJ).
  9. Identificación dos presuntos responsables.
  10. Todos aqueles documentos ou calquera outro tipo de proba ou indicio que permita coñecer os feitos obxecto da denuncia.

Vías de presentación da denuncia:

a) En caso de ser o solicitante persoa física que actúe en condición de interesado:
 
1. En formato electrónico, a través da sede electrónica da DGOJ, no formulario Denuncias en materia de xogo. Neste caso, necesitará dispoñer dun DNI electrónico ou calquera certificado electrónico emitido por unha autoridade de certificación acreditada para poder rexistrar a reclamación de forma online (na ligazón Rexistro de solicitudes, pode consultar toda a información referente ao rexistro electrónico de solicitudes e como obter un certificado dixital).
 
2. En papel, mediante un escrito asinado, para presentar nun rexistro administrativo presencial ou nunha oficina de Correos, e dirixido á DGOJ (rúa Atocha n.º 3. 28012 Madrid), para o cal poderá presentar un escrito de formato libre, ou tamén poderá imprimir o formulario Denuncias en materia de xogo e presentalo unha vez cuberto e asinado.
 
b) En caso de ser o solicitante unha persoa física, en exercicio da súa actividade profesional, actuando en representación do interesado:
 
En aplicación do artigo 14.2 letra c) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións públicas, a solicitude deberá presentarse en formato electrónico, a través da sede electrónica da DGOJ, no formulario Denuncias en materia de xogo. Neste caso, necesitará dispoñer dun DNI electrónico ou calquera certificado electrónico emitido por unha autoridade de certificación acreditada para poder rexistrar a reclamación de forma online (na ligazón Rexistro de solicitudes, pode consultar toda a información referente ao rexistro electrónico de solicitudes e como obter un certificado dixital). En cumprimento do artigo 68.4 da citada lei, a presentación da presente solicitude presencialmente implicará un requirimento de emenda no prazo de dez días, entendéndose como data de presentación da solicitude aquela na que fose emendada mediante presentación electrónica.

Para obter máis información pode consultar as FAQ (preguntas frecuentes) do apartado correspondente deste web e, en caso de que se suscite algunha dúbida, poderá formulala a través do apartado de “Consultas e Suxestións en materia de Xogo” da sede electrónica da DXOJ.

 

Tramitación da denuncia pola Administración Volve ao inicio da páxina

Unha vez recibida e rexistrada a denuncia pola Dirección Xeral de Ordenación do Xogo, a tramitación pode seguir do seguinte xeito:

  • Os servizos de inspección e control realizarán as investigacións e actuacións previas que procedan, e iniciarán, se é o caso, o correspondente expediente sancionador.
  • Se a Dirección Xeral de Ordenación do Xogo non fora competente para coñecer os feitos supostamente constitutivos de infracción, dará traslado destes ao organismo que se considerara competente.
  • Cando os feitos ou condutas denunciadas non poden ser probadas e/ou cualificadas como infracción, procederase ao arquivo da denuncia.
  • Tanto a apertura do correspondente expediente sancionador como, se é o caso, o arquivo da denuncia serán notificados ao denunciante.